Asociacións

San Pedro é un barrio no que o asociacionismo se converteu en sinal de identidade. Lonxe de atopar unha homoxeneidade de obxectivos e filosofías, os grupos que traballan na zona son un reflexo da súa propia diversidade. Entidades socioculturais como A Trisca conviven coa asociación xuvenil Don Bosco e con colectivos veciñais en pé de loita polos intereses do barrio. As festas son organizadas por unha comisión independente adicada só a este fin, mentres que o magosto, o Entroido, o Día das Letras Galegas ou o San Xoán corren a cargo da Coordinadora O Camiño, que aglutina á súa vez a varias asociacións. Facemos un percorrido polo San Pedro máis activo.

 

ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

A Xuntanza: unha longa  experiencia na defensa dos intereses do barrio

A Xuntanza é a asociación veciñal máis antiga de San Pedro, con case trinta anos de actividade. O benestar do barrio é o seu principal obxectivo, que intentan acadar a través de vías diversas, dende as actividades educativas e de dinamización sociocultural ata a recuperación das festas populares en colaboración coa Coordinadora O Camiño. En A Xuntanza, os obradoiros de teatro, manualidades ou baile mestúranse coas foliadas e cacharelas organizadas coma nos tempos dos avós. A Vogalía da Muller xoga un papel activo nesta asociación a través da organización de ciclos de charlas e encontros cos que se busca conseguir un espazo de formación e debate. As excursións a diversas zonas de Galicia e os cursos de lingua galega e de ensino de adultos complementan a vertente máis cultural da entidade. Xunto a ela, A Xuntanza esixe directamente ós poderes públicos a toma dunha serie de medidas para mellorar as condicións do barrio. As reivindicacións vinculadas co tráfico centran boa parte do seu programa: a renovación do pavimento, a mellora das condicións de aparcamento e do servizo de autobuses ou a elaboración dun plano de tráfico e mobilidade específico son as súas principais demandas. Demandas que se corresponden coa realidade dunha área na que a polémica da peatonalización ou non peatonalización das rúas e os problemas co transporte público levan sendo dende anos motivos de debate entre os residentes.

Asociación veciñal A Xuntanza

Corredoira das Fraguas, 37, baixo

Teléfono: 981 584 334

 xuntanza.jpg

 

 

 

Amigos de San Pedro: novos aires para as reivindicacións veciñais

A asociación veciñal Amigos de San Pedro naceu no ano 2000 como unha escisión de A Xuntanza. Algúns dos seus membros consideraban que esta entidade non defendía de forma eficiente os intereses do barrio, posto que se adicaba sobre todo a fins culturais, polo que iniciaron unha nova andadura en solitario. O fin prioritario de Amigos de San Pedro foi dende un principio reivindicar as carencias do barrio, como sinalaba a súa secretaria, Isolina Cruz. Moitas das súas propostas coinciden coas de A Xuntanza: mellorar o saneamento e alcantarillado das rúas, loitar contra a falta de aparcamento e de liñas regulares de autobuses urbanos… A eliminación das antenas de telefonía móbil foi unha das súas últimas demandas a un Concello que consideran que ten ó barrio especialmente desatendido, ata o punto de convertelo nunha zona insegura. Amigos de San Pedro complementa a súa actividade de defensa dos intereses do barrio coa organización dunha serie de actividades para os veciños, o mesmo que fai a Xuntanza. Entre elas, excursións culturais, cursos de fontanería, masaxe ou relaxación. Todas eles teñen lugar no centro sociocultural A Trisca, ubicado tamén en San Pedro e centro de reunión deste colectivo, que na actualidade conta con arredor de trescentos socios.

Asociación de veciños Amigos de San Pedro

Corredoira das Fraguas, 92

Teléfono: 981570890

 

 

ASOCIACIÓNS CULTURAIS

O fervor asociativo do barrio de San Pedro maniféstase tamén na proliferación e éxito das agrupacións xuvenís, culturais e deportivas. Facemos un percorrido polas principais entidades non veciñais da zona.

A maioría das asociacións reciben un aporte económico en forma de subvencións e axudas por parte do concello de Santiago. Outras, coma Don Bosco, dependen da orde relixiosa dos Salesianos. De outro xeito seríalles imposible sobrevivir. Pero o elemento económico non sempre é o principal motor que leva adiante un proxecto. Os ánimos de facer actividades en común que animen a vida do barrio son o ingrediente fundamental. A cooperación veciñal fai posible que as actividades formen parte da vida cotiá dos habitantes do lugar. En San Pedro a variedade de asociacións deixa nas mans dos seus habitantes a elección de sumarse a unha delas.

A Trisca e a defensa dunha cultura de barrio

Unha das asociacións máis importantes de San Pedro é A Trisca. Situada na zona alta do barrio, na rúa das Fraguas, dende a súa azotea poden observarse algunhas das vistas máis fermosas da cidade. Para admirarse tamén basta o innovador deseño do edificio que acolle ó centro, realizado polos arquitectos John Hedjuk, Antonio Sanmartín e Elena Cánovas.

 

 

A Trisca é un clube sociocultural dependente economicamente do concello de Santiago de Compostela. Nel fanse actividades diferenciadas por idades que buscan o entretemento sen esquecer a súa función didáctica. Teñen así usuarios dende os catro ata os oitenta anos. Di Manuel Fernández, responsable do centro “Nós intentamos non ofertar o mesmo que outros clubes“. No local os veciños de San Pedro, así coma os doutros lugares de Santiago, poden acudir á consulta e asesoramento dun asistente social e de varios educadores de familia. “Aquí tamén nos preocupamos polo benestar social dos veciños de San Pedro” sinala Manuel Fernández. Ademais, a asociación adica cada ano á celebración e conmemoración dun aspecto relacionado co barrio. O do 2007 é o ano da Recuperación da Memoria Histórica de San Pedro. O próximo proxecto de relevancia é a Semana Cultural, que terá lugar entre os días 18 e 23 de xuño, xusto un mes antes da celebración das festas de San Pedro.

 

 

Don Bosco e os centros xuvenís

O asociacionismo non é só cousa dos maiores en San Pedro. Os máis mozos contan con locais de encontro como o clube Don Bosco, que leva xa trinta anos funcionando. Está vinculado á orde relixiosa dos Salesianos, encargada da financiación e xestión de Don Bosco. No centro traballan en distintos campos da educación, o tempo libre, a animación xuvenil e o desenvolvemento socio-cultural da infancia e a xuventude compostelana. A asociación está composta por cerca de 500 voluntarios e voluntarias e 4000 xóvenes nos cinco centros que Don Bosco ten repartidos por toda Galicia.

Don Bosco organiza cursos monográficos, dá clases de apoio escolar e organiza unha escola de tempo libre onde se forma a monitores. O local que ten en  Belvís funciona tamén como punto de información xuvenil e oficina do Servizo de Voluntariado Europeo en Compostela. A el acode xente de toda a cidade, incluso das aforas de Santiago. Pola súa elevada actividade, outros concellos repartidos por toda Galicia pídenlle apoio para facer xornadas de tempo libre, concursos, e todo tipo de actividades por toda a comunidade.

Aínda que se trata dun centro xuvenil, contan cunha oferta diversificada para tódalas idades que vai dende o servicio de bebeteca e ludoteca, á posta en marcha de actividades adaptadas a persoas que teñan calquera discapacidade. Outro dos seus puntos fortes é a realización de distintos deportes entre os mozos e mozas. Acollen deste xeito no seu amplo local as actividades de equipos deportivos da zona. O centro Don Bosco de Santiago é con diferencia un dos máis activos dos existentes en Galicia. Di o seu director, Farruco Rodríguez, que “San Pedro é o mellor exemplo a seguir por calquera organizador de tempo libre que exista en calquera municipio galego. Vir a este barrio supón aprender da mellor escola“.

 

O FERVOR ASOCIATIVO CONTINÚA

Pero non toda a actividade de San Pedro termina con estas asociacións. Dende o Centro Parroquial que acolle a biblioteca do barrio ata os distintos locais comerciais e estudios de arquitectos, deseñadores ou restauradores, numerosos lugares do barrio gardan un toque particular de cooperación, innovación e cercanía. E é que camiñando polas distintas rúas que conforman a zona, pódese distinguir a vitalidade dun lugar que dende logo non quere quedar no olvido. Santiago de Compostela ten aquí un importante monumento que non se lle pode escapar a turistas e residentes da cidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s




A %d blogueros les gusta esto: