Un pouco de historia

O feito de que o barrio de San Pedro tal e como o coñecemos hoxe sexa tan peculiar, en parte débese á súa historia e ás pegadas que ésta imprimiu nel.

Os edificios históricos de San Pedro

Amurallada a cidade de Santiago despois do ataque de Almanzor, que a destruíu no século X, comezou a creación do barrio, o primeiro barrio extramuros que pechaba as súas portas co solpor, segundo o Códice Calixtino do século XII. Neste libro dise que as portas se abrían desde o abrente ata o solpor. Mentres, todos os peregrinos e caminantes tiñan que pernoctar á intemperie, e case sempre mesturados con leprosos, tuberculosos e sifilíticos, pois eran moitos os que acudían ao sepulcro na procura de curación.

dsc00063.jpg

Os Dominicos, en 1219, remataron o seu convento e refuxio, a partires do que se construíu o que hoxe é a Porta do Camiño (entrada a San Pedro), antiga Porta dos Franceses. Máis tarde, para que as clases sociais máis pudentes non se mesturaran coa plebe, construiuse o Pazo de Baladrón, que con varias reformas e melloras é hoxe a Residencia da Terceira idade. Por detrás subindo cara a San Domingos ergueuse o caserón de Cotón, como parada e fonda, conservando no día de hoxe o sitio das cortes dos cabalos e das carrozas na esquina que cadra no 2 de San Pedro con Ramón Mª Aller.

No fondo da Porta do Camiño, esquina coa Rúa de San Pedro número 1, está o que foi no seu tempo a Casa dos Comuneiros, que tiñan a responsabilidade de controlar as portas, e ao mesmo tempo revisar aos doentes para impedir o paso daqueles que pudieran propagar pestes e desprazar aos leprosos a un recinto pechado ao abeiro dos Dominicos, que arredor do mosteiro-convento construiron pequenos edificios para facerlles curas. Un deles aínda existe na horta: onde agora está o Museo de Arte Contemporánea atopábase o dispensario, que ata os anos 50 do pasado século era coñecido como a Gota de Leite e que atendido polas Irmáns da Caridade durante máis de 60 anos, era o punto de atención sanitaria máis importante do barrio.

A zona contaba con catro fontes de auga pública- aínda que unha está dentro do Pazo de Baladrón- cada unha delas cunha función definida: a do Pazo era a das clases podentes, a que está na esquina das Casas Reais era a da plebe, a da Horta de San Domingos era a dos enfermos e, por último, a fonte do Matadoiro servía para bautizar os peregrinos que se convertían no Camiño.

A rúa de San Pedro foi, ata a construcción no ano 1954 da Avenida de Lugo, a rúa máis longa de Compostela, e despois desta aínda o segue sendo hoxe. Foi tamén a que tiña o mellor servicio comercial da cidade.

Orixes

O barrio foi construido por varias ordes relixiosas, na súa maioría de San Martiño Pinario, por iso moitas casas teñen o escudo do piñeiro coas letras S.M.

convento.jpg

Outras, principalmente nas rúas do Medio e do Rosario, teñen un cáliz cunha hostia na parte superior, acompañado polas letras S.C., o que nos indica que pertencían á Cofradía do Santísimo Sacramento de San Caetano.

A orde dos dominicos, que ergueu nos séculos XII e XIII os conventos de San Domingos e Belvís, tamén construiu unhas poucas casas, sobre todo no Rosario e en Bonaval, marcándoas coa cruz de Calatrava ou cunha inscrición. Outra das ordes que tamén contribúen á creación do barrio foi Santa María a Real de Conxo, hoxe de Sar, erguendo casas dispares polos Lagartos, a Trisca, Belvís, a Calzada de Santo Antonio, sinaladas todas elas coa cruz de Malta e barras. Outras vivendas da rúa de San Pedro aparecen identificadas co símbolo da cuncha de vieira e coas letras S.T. (De Santiago) por pertencer á igrexa compostelá, ou sexa, á Catedral.

Vida social

En San Pedro naceron personaxes como Antonio Casal, que foi en vida un dos grandes actores do cine e do teatro español, e tamén grandes músicos que formaron parte de orquestras de ámbito internacional, así nolo contaba Santiago Losada, “O Paletó”, veciño que viviu no barrio durante 25 anos e que na actualidade é un dos principais historiadores “oficiosos” do mesmo.  

No barrio había artistas da madeira, escultores como Cagide e Latas, pintores como Manuel López Garabal e a súa señora Concha…Os oficios artesáns, se ben diminuíron co paso do tempo, teñen aínda unha presenza importante en San Pedro, por exemplo a través de certos obradoiros especializados na talla da madeira.

Os alcumes

Un costume típico santiagués é o de darlle alcume ás persoas, e no barrio de San Pedro esta costume maniféstase máis ca en ningunha outra zona. Empezando polo propio barrio, bautizado popularmente como “Estados Unidos”. Este nome venlle dende finais do século XVIII e principios do século XIX, e o motivo é a súa vasta extensión, posto que estaba repartido entre dúas parroquias, que son Santa María do Camiño e Santa María a Real de Sar. Asimesmo, case tódalas persoas teñen un alcume propio que os identifica, tal e como nos confirma Santiago Losada, coñecido no barrio  como “O Paletó”. El sinalábanos que outros alcumes de toda a vida do barrio son: A Chata, A Sorda, Canecho…

Curiosidades de San Pedro

– O 60% do pan que se comía en Santiago elaborábase en doce fornos que había no barrio.

– O 60% da roupa de home que se facía en Santiago procedía da rúa de San Pedro.

– Chegou un momento no que o 70% dos empregados municipais de Santiago eran da rúa de San Pedro. A explicación atopámola en que onde está actualmente o museo do Pobo Galego, había antigamente un hospicio, e os rapaces do hospicio tiñan vantaxe para entrar en postos do Concello de Santiago e nas bandas de música, polo que a rúa de San Pedro chegou a ter orquestras de sona.

– O barrio de San Pedro aínda hoxe conserva as súas propias festas no pobo e para ser un único barrio conta con dúas asociacións veciñais, así como cun centro cultural propio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s




A %d blogueros les gusta esto: